Thursday 09 de May de 2024

A Xunta adxudica por máis de 335.000€ a redacción do proxecto e dirección de obra de 58 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, na Coruña


A Xunta de Galicia adxudicou este mes por 335.000 euros, IVE incluído, o contrato para a redacción do proxecto e dirección das obras para a construción de 58 vivendas de promoción pública (VPP), garaxes, rochos e locais na parcela Z38 do sector 10 de Xuxán, o antigo Parque Ofimático da Coruña.
O contrato terá unha duración de 43 meses, unha cifra que resulta do prazo máximo para a redacción do proxecto (5 meses), do prazo estimado para a execución das obras (26 meses) e do prazo mínimo de garantía legal do adxudicatario das obras (12 meses).

Cómpre subliñar que, actualmente, a Xunta xa rematou a construción das primeiras 40 vivendas de promoción pública en Xuxán. Ademais, a comezos de agosto licitáronse as obras doutro grupo de 40 vivendas neste mesmo barrio coruñés por un importe de 7,7 millóns de euros polo que, en total, o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé poñer á disposición dos coruñeses nesta zona 138 VPP.
A área na que se construirán estas vivendas está sendo urbanizada co financiamento da metade dos custos por parte da Xunta, que é propietaria do 50% do solo, o cal se destina á construción de ao redor de 1.100 vivendas protexidas. En total, o Goberno galego ten comprometidos uns 19 millóns de euros nas obras de urbanización do solo residencial dispoñible nos 2 polígonos en que está dividido Xuxán.